O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, sinalou despois da reunión semanal do Consello da Xunta que o seu Executivo traballa co obxectivo de que Galicia non perda postos de traballo nin actividade empresarial á marxe dos cambios que se poidan producir na titularidade das empresas galegas. “Pode haber e hai cambios de propiedade, cambio na titularidade das accións pero o que nos ten que interesar como país é tentar conseguir que o emprego, a actividade e a riqueza permanezan”, aclarou Touriño, quen destacou que o Consello da Xunta segue do preto os cambios empresariais que se producen en Galicia.
O presidente galego sinalou que outro obxectivo pasa por acadar que unha parte significativa ou maioritaria do novo capital das empresas que sofren cambios na súa titularidade poida quedar “en mas galegas” xa que isto constituiría unha “garantía mellor para conseguir o obxectivo de que emprego e riqueza queden na nosa terra”. Por iso, sinalou que a Xunta traballa para incentivar liderado empresarial galego que estea disposto a investir nestas empresas.
Xuntanza con Jove e Martín
Segundo sinalou o presidente galego, que anunciou unha xuntanza o próximo mércores cos protagonistas da operación de FADESA, Manuel Jove e Fernando Martín, traballará, no marco desa reunión, para que o novo contexto que se crea en relación a posibles novos investimentos e froito do dinamismo da operación, poida ser proveitoso para a economía galega. O obxectivo é procurar que parte dos activos xerados pola venta de FADESA se invistan na Comunidade Autónoma.
En relación ao Grupo Calvo, Touriño indicou que a operación atópase nun estado iniciático e que a Xunta está a falar con líderes de relevantes empresas do sector para ver posibilidade de compra dos activos de Calvo. “Ten que haber liderado, vontade, de empresas que son competitivas”, manifestou Pérez Touriño, quen se referiu as axudas e iniciativas públicas e a capacidade de interlocución e de diálogo proposta desde o eido político como unha baza relevante para avanzar nos obxectivos últimos: procurar que os empregos non se reduzan nin se perda actividade e garantir, se fóra posible, o investimento de capital galego nestas empresas
Fonte: Xunta de Galicia
none













