O curso Construción en Madeira 2008, que se desenvolve durante tres días a partir de hoxe xoves 27, está organizado pola Consellaría de Innovación e Industria, a través do CIS Madeira, en colaboración coa Consellería de Vivenda e Solo
O CIS Madeira é un dos centros estatais que máis controis realiza para a recuperación de estruturas de madeira e colabora dentro e fóra do Estado en numerosas accións formativas sobre rehabilitación
O CIS Madeira, dependente da Consellería de Innovación e Industria, desenvolve a partir do xoves na Coruña, en colaboración coa Consellería de Vivenda e Solo, o curso Construción en Madeira 2008: técnicas de inspección e intervención en edificios antigos con estrutura de madeira. A iniciativa reunirá ata o sábado na cidade herculina expertos de diferentes puntos de España e de Italia que lles exporán as súas experiencias a arquitectos, enxeñeiros e outros profesionais vencellados á construción. Ademais das intervencións, a acción formativa inclúe visitas guiadas a obras xa rehabilitadas ou en proceso de recuperación.
Segundo o CIS Madeira, o abandono recente das edificacións é a principal causa das patoloxías na madeira das construcións, que acumula humidade pola entrada de auga a través de cristais rotos ou fallos nas cubertas. Isto favorece a aparición de axentes patóxenos, principalmente fungos, e o ataque de termitas, que reducen a resistencia das estruturas de madeira.
O CIS Madeira dispón de cinco técnicos para a realización de inspeccións en edificios antigos con estrutura de madeira que realizan unha media de doce intervencións ao ano. O seu labor desenvólvese na recuperación de construcións singulares, coma o Museo da Casa de Casares Quiroga na Coruña; o Mosteiro de Oia; o Cuartel de San Fernando, en Lugo; ou o pazo de Fefiñáns en Cambados; e de diversas vivendas nos cascos históricos das principais cidades galegas. Trátase dun dos centros a nivel nacional que realiza máis inspeccións e colabora dentro e fóra de España en numerosas accións formativas sobre rehabilitación.
Contido do curso
A directora xeral de Fomento e Calidade na Edificación da Consellería de Vivenda e Solo, Encarna Otero; o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria, Salustiano Mato; e o concelleiro de Rehabilitación Urbana e Vivenda do Concello da Coruña, Mario López Rico, inaugurarán o curso ás 10.00 horas no Edificio Fundación ONCE (Cantón Grande s/n. A Coruña). A continuación, ás 10,30 horas, o técnico do CIS Madeira Manuel Touza analizará as patoloxías e a inspección estrutural de edificios antigos de madeira, cun repaso polas técnicas especiais de exploración, que permiten comprobar o estado da madeira sen danala, e pola acción dos principais axentes patóxenos: fungos e insectos.
A xornada da mañá rematará coa intervención do arquitecto Mikel Landa, quen abordará a reparación estrutural mediante aporte de madeira. Xa á tarde, a partir das 16.00 horas, os italianos Massimo Manucci e Benedetto Pizzo, das empresas LegnoDOC e LegnoPIÙ, respectivamente, falarán sobre as técnicas de inspección e de reforzo e consolidación de edificios antigos con estrutura de madeira en Italia.
Tratamentos
O venres o curso comezará ás 9.30 co tema Tratamentos integrais de barrios históricos contra termitas mediante o sistema de cebos, a cargo de Eloy Rodríguez, da empresa de tratamentos específicos curativos da madeira Tecma. Posteriormente, Amador Barambio, da empresa de desinfección Herbin, e Xulio López da empresa de sanidade ambiental e control integrado de pragas Arumia, analizarán os tratamentos contra termitas e de diferentes patoloxías empregados en Galicia.
No serán, a partir das 17.00 horas, os arquitectos Juan Pinto e Manfred Oehri falarán sobre o emprego da madeira en rehabilitación e os forxados mixtos madeira-formigón, respectivamente. A continuación a arquitecta Elisa Gallego explicará a rehabilitación integral realizada no lugar de Caldebarcos, en Carnota, e os arquitectos Luisa Serrano e Pablo Ferreiro-Mazón, a rehabilitación dun edificio antigo no barrio da Tinería en Lugo. Finalmente, ás 20.00 horas, o xerente da Fundación Catedral Santa María, Juan Ignacio Lasagabaster, exporá o caso da restauración da catedral de Santa María de Vitoria.
Visitas guiadas
O curso péchase o sábado con visitas guiadas a obras en proceso de rehabilitación na Coruña. Así, o vicerreitor da Universidade da Coruña, Xosé Lois Martínez, explicará o traballo desenvolvido nas emblemáticas galerías da cidade; o arquitecto Felipe Peña abordará as accións realizadas no Museo da Casa Casares Quiroga; e técnicos do CIS Madeira dirixirán a visita a un edificio en proceso de rehabilitación no casco vello.
Para máis información:
Web: http://www.cismadeira.es/Galego/downloads/programarehabilitacion4.pdf
Teléfonos. 981 596 894 / 620 025123 / 630 040 079
none