A Mesa de Contratación decidiu onte que 4 equipos de arquitectura de Madrid e 1 de Vigo optarán a construír o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Nesta segunda fase, os seleccionados terán que presentar o seu anteproxecto na primeira quincena de marzo e defendelo nunha exposición pública. Por outra banda, o museo conta cunha nova inxección económica: 250.000 euros concedidos pola Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura.

Este investimento foi pechado a pasada semana polo Alcalde cos responsables da Dirección Xeral de Belas Artes. López Orozco confirmou esta mañá que “os 250.000 euros, tal e como se compremetera o Director Xeral de Belas Artes, engadirémolos ós 6 millóns de euros cos que conta o Concello para a construcción do edificio”.

Ó mesmo tempo, o Alcalde deu conta dos 5 equipos de arquitectura que foron seleccionados dun total de 20 para presentar o anteproxecto para o MIHL. Trátase de:

-JUNQUERA ARQUITECTOS S.L. (Madrid). Gañadores de numerosos concursos internacionais e nacionais. Fixeron o Plan Especial para a integración do ferrocarril en Xixón; desenvolvemento da actuación do Porto en Arrecife, Lanzarote; rehabilitación da Biblioteca Nacional en Madrid; edificio emblemático das oficinas Caja Madrid na capital española; profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura en Madrid…

-ALFONSO PENELA FERNÁNDEZ. (Vigo).
Deseñou varios edificios do campus de Vigo e, en colaboración co estudio EMBT, tamén realizou a reodenación do Campus olívico. Deseñou centros de saúde na provincia de Pontevedra…

-NIETO SOBEJANO ARQUITECTOS S.L. (Madrid). Profesores da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid; ten varias publicacións; gañou prestixiosos concursos como o do Museo e sede do Instituto Madinat Al-Zahra de Andalucía; Museo para o Arte Expresionista no Castelo de MoritzBurg de Alemaña; Museo Canario, nas Palmas; Museo San Telmo en San Sebastián; Museo Artístico Contemporáneo en Córdoba; Pazo de Congresos e Exposicións de Mérida…

-MANSILLA TUÑÓN ARQUITECTOS S.L. (Madrid). Gañadores de numerosos concursos de museos provinciais como, por exemplo, o de Zamora; Auditorio de León; Museo de Belas Artes de Castellón; Museo de Arte Contemporánea de Castela e León; Fundación Pedro Barrié de la Maza de Vigo; Museo de Colecciones Reales en Madrid; son ademais profesores invitados en escolas de arquitectura de todo o mundo…

-Ute ANDRÉS PERA ORTEGA EUROESTUDIOS S.L. (Madrid). Responsable do deseño de varios hospitais; gañadores do concurso internacional Urban ideas competition para a nova cidade multifuncional e administrativa en Corea; nova Sede da Biblioteca Pública do Estado en Santiago de Compostela; varios edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro; desenvolvemento do proxecto executivo e dirección de obra da Cidade da Cultura de Santiago, etc.

Descartados os suízos

O Mesa de Contratación descartou a proposta dun equipo suízo que optaba a participar neste concurso. Esta empresa incumpriu, polo menos, 3 requisitos formais ó presentar a documentación da súa candidatura, razón pola que tivo que ser descartada. “Sentímolo moito porque son personas novas… pero as formalidades son moi importantes na vida democrática”, afirmou o Alcalde.

2ª fase do concurso

Para a segunda fase, os 5 equipos terán que presentar o seu anteproxecto na primeira quincena de marzo, aproximadamente o día 9. Haberá entón 4 días intensos de traballo, segundo o calendario establecido. O primeiro día procederase á apertura dos traballos e á súa análise. O segundo día, daranse a coñecer 3 anteproxectos; o terceiro, 2 anteproxectos e tamén está prevista a celebración dunha mesa de debate; e, o cuarto día, terán lugar as deliberacións e conclusións.