NOVAS da XUNTA - A Consellería de Política Territorial, Obra Públicas e Transportes, iniciou o expediente para a suspensión das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal de A Estrada, posto que o seu contido é incompatible coa lexislación vixente en materia urbanística, é dicir, coa Lei 9/2002, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio rural de Galicia (máis coñecida como lei do Solo), e coa Lei estatal 6/1998, sobre Réxime do Solo e Valoracións. Deste xeito, dito expediente conleva a paralización –dende xa- do procedemento para outorgar licencias de edificación, demolición e parcelamento de terreos, ata que entre en vigor a ordenación urbanística provisional que estableza esta Consellería. Estas normas provisorias deberán ser aprobadas polo Consello da Xunta no prazo máximo de tres meses, xunto coa orde de suspensión das actuais normas urbanísticas.

Esta decisión foi tomada despois de que o Concello de A Estrada trasladase á CPTOPT un acordo unánime de todos os grupos municipais (acadado nunha sesión plenaria de carácter extraordinario), no que se solicita á Política Territorial que adopte as medidas necesarias para evitar as consecuencias da aplicación das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, que datan do ano 1978.

A concesión de licencias urbanísticas no concello de A Estrada levaba dous anos paralizada, xa que é o prazo legalmente estipulado de suspensión mentres se está a tramitar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Dado que rematado o prazo de dous anos, o novo PXOM aínda non entrou en vigor, esta suspensión queda levantada.