A Consellería de Política Territorial, Obra Públicas e Transportes ven de anular a Orde de 17 de xuño de 2005 que permite a recalificación urbanística dos terreos onde se ubica colexio público Mestre Rivera Casás, no núcleo de San Cibrao, no concello lugués de Cervo. Con dita resolución, o solar ocupado polo colexio mantén a súa cualificación como solo urbano dotacional público con destino a equipamento educativo.
Cabe salientar que a modificación das Normas Subsidiarias Urbanísticas de Cervo, aprobadas en xuño do ano pasado, -e agora anuladas na parte que atinxe aos terreos do colexio-, autorizaban o cambio de uso dos terreos ocupados polo colexio público, que conta con dúas unidades de educación infantil e seis unidades de educación primaria actualmente en funcionamento. Deste xeito, o solar do colexio pasou a ser cualificado como espazo libre público, de modo que as instalacións do Rivera Casás quedaron en situación legal de fora de ordenación por total incompatibilidade co novo planeamento e abocadas á súa desaparición.
A Asociación de Pais do Colexio interpuxo un recurso de alzada ante a Consellería de Educación, -que foi estimado por parte da Consellería-, contra a desafectación do uso escolar do Rivera Casás-.
Coñecidos estes antecedentes, a Consellería de Política Territorial decidiu iniciar un proceso de revisión de oficio da orde de aprobación da desafectación dos terreos realizada polo anterior Executivo, que concluíu coa resolución que ven de asinar a conselleira María José Caride Estévez.
En dita resolución, a CPTOPT sostén que a modificación das Normas de Cervo é nula de pleno dereito xa que o cambio de uso urbanístico dos terreos ocupados polo colexio público non contou coa autorización preceptiva da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tal como establecen a Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo; e a Lei orgánica 8/1985, reguladora do dereito á educación. De feito, durante a tramitación das Normas Subsidiarias de Cervo, non foi solicitado ningún informe ou autorización da Administración educativa para desafectar os terreos ao servizo público ao que estaban destinados.
Ademais, a Lei 9/2002 de ordenación do territorio e protección do medio rural de Galicia (máis coñecida como Lei do Solo) establece que o planeamento xeral cualificará como solo dotacional os terreos que fosen destinados efectivamente a usos docentes, e precisamente neste caso están os terreos ocupados polo Rivera Casás.
Ademais, a decisión da CPTOPT está avalada polo Pleno do Consello Consultivo de Galicia que, por unanimidade, emitiu un ditame favorable á proposta de revisión formulada por Política Territorial.
Con esta resolución ponse fin á vía administrativa, aínda que cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partires do día seguinte ao da súa publicación. Así mesmo, poderase presentar un recurso de reposición ante a conselleira de Política Territorial no prazo dun mes
none