A Comisión de Urbanismo, baixo a presidencia da concelleira de Urbanismo de Santiago, Mercedes Rosón, aprobou a modificación da Ordenanza de ruídos e condicións dos locais. Nesta mesma sesión deuse o visto bo provisional da Modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no ámbito do SUD-7 (Vite de Arriba) e terreos limítrofes, onde se prevé a construción dun máximo de 174 novas vivendas, das que 134 serán libres e o resto de protección oficial.
A modificación da Ordenanza Municipal de Ruídos, Vibracións e Condicións dos Locais, ten por obxecto de adaptala á normativa vixente (Código Técnico da Edificación, Lei 37/2003 de 17 de novembro do ruído, RD. 1367/2007, de 19 de outubro, polo que se desenvolve a anterior, entre outras) e tamén para garantir con maior eficacia a non produción de molestias á veciñanza. Así mesmo, modificáronse unha serie de artigos para clarexar contradicións detectadas na normativa e cuestións que estaban a xerar problemas interpretativos.
A modificación vai encamiñada tamén a corrixir deficiencias detectadas na normativa respecto das condicións nas instalacións que poden ter os establecementos incluídos nos grupos, I, II e III da Ordenanza (cafeterías, café-bares, pubs, discotecas, restaurantes, e outros) que estaban a ocasionar molestias pola súa ubicación ou polas condicións das súas instalacións (maquinarias de ventilación forzadas, aires acondicionados e instalacións de fíos musicais, etc). Con estas modificacións establécense condicións que permitirán corrixir máis eficazmente molestias derivadas de vibracións, fumes, cheiros, etc.
Tamén se procedeu á supresión de condicións que estaban a determinar esixencias que excedían con moito as condicións legais respecto de illamentos acústicos, como as que viñan aplicándose ás fachadas das edificacións. Condicións que, por outra banda, non eran doadas de acadar en edificios catalogados nos que os elementos e a propia fachada non podían ser obxecto de intervención algunha.
Neste mesmo sentido, e co fin de respectar as condicións de catalogación e permitir, ao mesmo tempo, autorizar o uso dos locais en determinados edificios de niveis I e II, excepciónase nalgúns supostos a normativa de aplicación, no relativo á súa superficie e ás condicións de instalacións como as saídas de ventilacións.
Por outra banda, e tendo en conta a evolución constante das investigacións técnicas relativas a aspectos como a correccións dos ruídos e vibracións, tanto os novos descubrimentos efectuados nestes campos como o seu reflexo na normativa aplicable fai necesario que a Ordenanza se adapte aos novos avances producidos.
Co ánimo de recoller estas novas técnicas de estudo dos niveis de illamento e dos materiais axeitados para acadar os que sexan adecuados e legalmente determinados para impedir molestias á veciñanza, é polo que tamén se acordou a corrección de determinados artigos encamiñada a garantir a funcionalidade dos materiais de insonorización.
En derradeiro lugar, modifícase o prazo de legalización previsto para solicitar a correspondente licenza naqueles locais que están a desenvolver a súa actividade sen contar con ela ou sen adaptarse ás súas condicións en coherencia co prazo de legalización previsto no artigo 211 da Lei 9/02 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia. Así, este prazo será agora de tres meses para que o titular da actividade solicite a correspondente licenza de apertura para a actividade efectivamente desenvolvida no local ou, noutro caso, para que efectúe os necesarios cambios no establecemento co fin de axustar o exercicio da actividade ao establecido pola licenza.
Neste intre, a actividade dos servizos técnicos municipais está a acadar niveis de resposta ás demandas cidadás de axilidade, eficacia e eficiencia que están próximas a conseguir os niveis máis ambiciosos en canto a facilitar unha resposta rápida ás súas demandas de obter as autorizacións no tempo correspondente determinado pola normativa aplicable e aínda en menos tempo que o fixado legalmente.
Con esta modificación preténdese non só garantir con maior eficacia a non produción de molestias á veciñanza, senón tamén facilitar a tarefa dos técnicos municipais no momento da emisión dos correspondentes informes, e dos técnicos redactores dos proxectos presentados en solicitude de licenzas, clarexando e simplificando ditas tarefas.
Fonte: Concello de Santiago de Compostela
Comentarios: 0 Comentarios