-
15
Jul
2010
Javier Guerra salientou que esta iniciativa ten sido reforzada polo Goberno galego para xerar un investimento asociado de 30 millóns de euros
O programa se enmarca dentro da aposta estratéxica da Xunta de Galicia de aproveitamento dos recursos autóctonos mediante a implantación das enerxías renovables co fin de facer de “Galicia unha comunidade líder no aproveitamento das enerxías limpas”
Guerra reafirmou a súa aposta por “incrementar a axilidade e a eficacia da administración” e recordou que “en ano e medio, a Consellería de Economía e Industria ten reducido a máis da metade os prazos de resolución e tramitación destas axudas”
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou este mércores o programa de axudas a proxectos de enerxías renovables do Instituto Enerxético de Galicia para 2010. Esta iniciativa ten sido reforzada polo Goberno galego cun orzamento de 4,66 millóns de euros, o que permitirá xerar un investimento asociado de 30 millóns de euros e impulsar proxectos orientados a evitar a emisión de 15.000 toneladas de CO2 á atmosfera.
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou este programa de axudas que se enmarca dentro da aposta estratéxica da Xunta de Galicia de aproveitamento dos recursos autóctonos mediante a implantación das enerxías renovables co fin de facer de “Galicia unha comunidade líder no aproveitamento das enerxías limpas”.
De xeito que para cumprir o devandito obxectivo, o Goberno galego márcase como reto chegar ao ano 2015 producindo con fontes renovables máis do 95% do consumo de electricidade, de acordo coas directrices do Plan Enerxético Estratéxico de Galicia 2010-2015, que se está a elaborar.
Javier Guerra indicou que a actual convocatoria se ten orzamentado en 4,66 millóns, o que supón un incremento do 12% con respecto á cantidade executada ao abeiro deste programa no exercicio 2009, e explicou que estas axudas abranguen a todos os sectores económicos e están dirixidas a todo tipo de beneficiarios.
Ademais, Guerra reafirmou a súa aposta por “incrementar a axilidade e a eficacia dunha administración que só ten sentido se está ao servizo dos cidadáns” e destacou que, “en ano e medio, a Consellería de Economía e Industria ten reducido a máis da metade os prazos de resolución e tramitación das axudas deste programa”, ao pasar dos máis de 15 meses de media, no 2008, a acadar os 10 meses, en 2009, e fixar o compromiso da resolución definitiva en 6 meses, na presente convocatoria.
Consulta on-line dos expedientes
Guerra destacou que a convocatoria de axudas de enerxías renovables 2010 presenta como principal novidade administrativa a posibilidade, para o usuario, da consulta on-line do estado de tramitación do seu expediente, ao longo de todo o proceso, desde a presentación da solicitude ata a resolución final.
“Ademais, continuamos prestando unha especial atención aos concellos para os que se incrementa nun 33% as axudas (1.200 euros/kWp) das instalacións fotovoltaicas conectadas á rede de titularidade municipal, e nun 50% a axuda máxima por proxecto, fixada en 9.000 euros, e subvencionamos con até o 45% da contía nas tipoloxías de solar térmica e de biomasa”, engadiu.
Centrais de biogás
Nesta orde de axudas, tamén se incrementa a contía da subvención para pequenas plantas de biogás, de xeito que a axuda máxima increméntase un 36% no 2010, permitindo así que estes proxectos poidan ser máis rendibles economicamente. Asemade, amplíase nun ano o prazo de execución (de 2 a 3 anos) das centrais de biogás, co fin de facilitar que os proxectos dispoñan de prazo suficiente para ser executados.
O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 20 de setembro, e as instalacións obxecto de subvención poderán executarse ata o 15 de setembro de 2011, agás na tipoloxía de biogás, cuxo prazo finaliza o 31 de decembro de 2012, e se continuará coa tramitación telemática das axudas (www.inega.es/axudasinega2010), sistema novidoso posto en marcha no anterior exercicio.
Fonte: Inega
Comentarios: 0 Comentarios
Quizás también te interese:
- O Inega amplia o prazo de xustificación das axudas a proxectos de enerxías renovables
- El segundo mayor parque eólico de Europa será construido en Escocia por Iberdrola
- O Instituto Enerxético de Galicia amplía ata o 11 de decembro o prazo de presentación de solicitudes das axudas de aforro e eficiencia enerxética e enerxías renovables
- A Xunta de Galicia traslada a súa decidida aposta polas enerxías renovables ao resto do Estado no marco da Wind Power Conference 2010
- O Cis-Madeira presenta o vindeiro sábado o proxecto europeo Quality wood, que fomenta o uso da leña como biocombustible
- Archivado en: | Energías Renovables |
- Si te gusta este blog puedes suscribirte a my rss feed!




