-
25
Feb
2010
O conselleiro de Economía e Industria renova o compromiso do Goberno da Xunta coas iniciativas innovadoras das empresas galegas
O novo Plan Galego de Innovación centrará boa parte das súas liñas de actuación no estímulo ao tecido produtivo
A posta en marcha da pioneira Rede XIGA conxuga o apoio aos empresarios coa necesaria creación de postos de traballo para especialistas en I+D+i
A futura Axencia Galega da Innovación será un órgano que facilitará o acceso á Administración de todos aqueles proxectos e iniciativas que aporten valor para Galicia, centralizando e axilizando as respostas
O respaldo económico da Consellería de Economía e Industria á I+D+i superou con creces os 100 millóns de euros en 2009
O Conselleiro de Economía e Industria salientou no Pleno do Parlamento que, por primeira vez en Galicia, as empresas “poden e poderán percibir como anticipo ata o 80% da contía da axuda para I+D+i sen presentar garantías”. Javier Guerra Fernández enmarcou esta novidade no compromiso do seu departamento e da Xunta de Galicia coa “mellora constante da calidade e da axilidade da innovación, e como unha resposta novidosa ás necesidades actuais do tecido produtivo que atende as demandas feitas polos empresarios”.
Guerra explicou que este tipo de iniciativas orientadas ás empresas conforman boa parte do traballo da Consellería de Economía e Industria para apoiar ao tecido produtivo en materia de I+D+i, e avanzou que o novo Plan Galego de Innovación “centrará as súas liñas de actuación no estímulo ás empresas, porque nelas reside a capacidade de establecer as prioridades reais na axenda da innovación”. “Desde a Xunta temos que axudar ao tecido empresarial para que Galicia saia da crise, pero tamén para que as nosas empresas melloren a súa posición competitiva”, apuntou.
Nesta mesma liña de apoio ás empresas, o conselleiro de Economía e Industria aproveitou a súa presenza no Pleno do Parlamento para recordar a posta en marcha da novidosa e pioneira Rede de Xestores de Innovación (Rede XIGA) que, cun orzamento de cinco millóns de euros, “ten o obxectivo de financiar a formación de técnicos especialistas en I+D+i e a súa inserción laboral en medio cento de Pemes galegas”. “Con este programa, que da un paso máis alá nas políticas públicas de innovación, as empresas que participen na iniciativa, e que serán avaliadas pola Xunta, acadarán en dous anos un incremento do investimento en innovación do 30%, aumentarán nun 50% o número de proxectos presentados ás convocatorias de axuda e verán medrar a súa facturación”, remarcou.
Segundo Javier Guerra, esta acción, que conecta a preocupación da Consellería de Economía e Industria polo tecido produtivo coa necesaria xeración de postos de traballo vinculados á I+D+i, vese complementada polos esforzos que o Goberno da Xunta está a desenvolver co investimento de máis de 16 millóns de euros nos programas de recursos humanos, “co obxectivo último de incrementar o persoal especializado dedicado a actividades de I+D+i a través da creación e da consolidación de novos postos de traballo nos organismos do sistema galego de innovación”.
O conselleiro de Economía e Industria asegurou que as políticas de innovación do seu departamento “están e estarán guiadas por criterios de eficiencia e rendabilidade”, e anunciou que “para garantir que os investimentos que se realicen no sistema galego teñan os resultados necesarios nun contexto de especial esixencia como é o actual, crearemos a Axencia Galega de Innovación”. Javier Guerra remarcou que esta axencia será un órgano que facilitará “o acceso á Administración de todos aqueles proxectos e iniciativas que aporten valor para Galicia, centralizando e axilizando as respostas”.
Guerra salientou que os compromisos “en innovación superaron con creces os 100 millóns de euros no ano 2009, con especial atención á dinamización dos sectores estratéxicos de Galicia que, a través dos diferentes centros tecnolóxicos, beneficiáronse de investimentos de case 25 millóns de euros, coa finalidade clara e concisa de traducir a labor científico-tecnolóxica en vatanxes competitivas de carácter produtivo para Galicia e o seu tecido empresarial capaces de materializar o retorno do investimento”.
Fonte: Xunta de Galicia
Noticias relacionadas:
- Innovación e Industria amplía o prazo ata o día 15 de xullo para solicitar as subvencións destinadas ao aforro e eficiencia enerxética e enerxías renovábeis
- Ata o 25 de maio hai prazo para pedir axudas para a mellora tecnolóxica das empresas
- O Igape destina 4,5 millóns de euros a apoiar a innovación tecnolóxica e organizativa das pemes galegas mediante o programa Innoempresa
- A Consellería de Presidencia destinará 2,1 millóns de euros á concesión de axudas dirixidas a obras en edificios municipais
- Aprobado o Decreto do Plan Vivenda 2009-2012


