Ata o de agora non actuaban como tales, malia que a meirande parte do financiamento que reciben correspóndelles por ser Portelos Únicos
Na actualidade existen 34 oficinas de rehabilitación noutros tantos concellos que dispoñen de áreas de rehabilitación
O seu funcionamento é financiado nun 90 por cento polo IGVS e o Ministerio de Vivenda
As oficinas existentes dispoñen de 170 traballadores en plantilla
O Instituto Galego da Vivenda e Solo asinará novos convenios cos 34 concellos de Galicia que dispoñen de área de rehabilitación para incrementar as funcións das oficinas que se encargan de informar e tramitar as axudas, de xeito que se mellorará o servizo que se presta aos cidadáns e se intensificarán os importantes investimentos da Xunta de Galicia en rehabilitación de edificios e vivendas.
As 34 Oficinas de Rehabilitación existentes nos concellos galegos que teñen declaradas áreas de rehabilitación teñen tamén a consideración de Portelos Únicos e, de feito, reciben unha boa parte do seu financiamento por esta razón, malia o cal ata o de agora non estaban actuando como tales. Tal consideración está incluída tanto no Real Decreto que regula o Plan de Vivenda 2009-2012 para o conxunto de España como no Decreto da Xunta de Galicia que o regula na nosa comunidade autónoma, tendo como obxectivo mellorar a atención que a administración presta aos cidadáns, racionalizando o emprego dos medios técnicos e humanos dispoñibles.
O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, potenciará o funcionamento como Portelos Únicos de ditas oficinas de rehabilitación facilitando ao seu través información sobre tódalas liñas de axudas de rehabilitación existentes na actualidade O obxectivo desta medida é potenciar a atención aos cidadáns das vilas e cidades que dispoñen de oficinas de rehabilitación e mellorar o emprego dos medios e persoal. Desta maneira, ao traballo das oficinas de rehabilitación incorporase ofrecer información sobre axudas tales como a rehabilitación de edificios e vivendas do Plan de Vivenda 2009-2012, as axudas autonómicas de rehabilitación rural e de cascos históricos (cando sexa o caso) e calquera outra axuda en materia de rehabilitación.
Ata o de agora as oficinas de rehabilitación centrábanse no traballo relacionado coas áreas de rehabilitación e as inspeccións da cédula de rehabilitación e o Plan Renove, que supoñían un carga de traballo escaso para un colectivo formado por 170 traballadores.
FINANCIAMENTO
As oficinas de rehabilitación son financiadas nun 90 por cento dos seus custes polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Ministerio de Vivenda, correndo a cargo dos Concellos exclusivamente o 10 por cento restante.
O Instituto Galego da Vivenda e Solo financia o 50 por cento do presuposto destas oficinas, cun límite xenérico de 60.000 euros. Este ano ese límite incrementouse ata 80.000 euros para os concellos con máis de 25.000 habitantes, o que supón un incremento de máis do 33 por cento respecto dos anos anteriores.
Pola súa parte, o Ministerio de Vivenda subvenciona ata un 40 por cento do presuposto das Oficinas de Rehabilitación.
34 OFICINAS
Actualmente existen oficinas de rehabilitación nos 34 concellos galegos en que hai declaradas áreas de rehabilitación, contando cun total de 170 traballadores en plantilla, que ata o de agora se dedican exclusivamente a informar e tramitar asuntos relacionados coas áreas de rehabilitación. Está prevista a creación de novas oficinas de rehabilitación que se encarguen das áreas de rehabilitación do Camiño de Santiago.
Doutra banda, a creación dunha rede de información con tódalas oficinas de rehabilitación existente permitirá unificar os criterios empregados polas mesmas.
A día de hoxe contan con oficinas de rehabilitación os seguintes concellos galegos: A Coruña, Allariz, Betanzos, Cambados, Cangas do Morrazo, Castro Caldelas, Celanova, Chantada, Corcubión, Ferrol, Lourenzá, Lugo, Mondoñedo, Monforte, Mugardos, Muros, Neda, Noia, Ourense, Padrón, Poio, Pontevedra, Quiroga, Rianxo, Ribadavia, Ribadeo, Santiago, Sarria, Tui, Verín, Vigo, Vilagarcía, Vilalba e Viveiro,
Fonte: Xunta de Galicia
Comentarios: 0 Comentarios