O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou este xoves a vixencia –ata o 30 de xuño de 2010- dos programas re-imaXina e re-Solve como instrumentos financeiros fundamentais para impulsar a reactivación do tecido empresarial galego mediante o financiamento dos investimentos ou do circulante que precisen os autónomos, as microempresas e as pemes para medrar ou para manter a súa actividade con normalidade.

Nun encontro con empresarios da comarca do Barbanza que se desenvolveu en Boiro, Guerra destacou que durante o pasado ano o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) aprobou 639 solicitudes de empresarios da comarca, cun incremento do 1.260% sobre as solicitudes aprobadas en 2008. Segundo explicou Guerra, o Instituto concedeu en 2009 axudas por importe de 3,5 millóns de euros e habilitou préstamos a empresarios do Barbanza por importe de 14,4 millóns de euros durante o ano pasado.

O conselleiro de Economía e Industria resaltou o compromiso do Goberno de Galicia para manter, a través do Igape, os programas de axudas para facilitar o financiamento dos investimentos ou as necesidades de circulante das pemes galegas, e destacou que, no marco do plan re-Forza 2010, o instituto que preside porá o acento en impulsar as iniciativas empresariais de mellora da competitividade e de internacionalización, así como na axilización da súa xestión das solicitudes para conseguir que os apoios sexan máis efectivos para as empresas e os emprendedores galegos.

Impulsado pola Consellería de Economía e Industria para financiar investimentos de microempresas, de empresas novas ou de pemes que aspiran a mellorar a súa competitividade, o plan re-imaXina mantense activo para facilitar á actividade das empresas de menor dimensión, aspecto que Javier Guerra estimou de relevancia fundamental para avanzar cara a saída da crise actual. Estes préstamos para investimentos, que se poden solicitar ata o próximo 30 de xuño, contarán co aval dunha SGR que cubrirá o 80% do importe. Durante 2009, o Igape recibiu case 500 solicitudes para financiar préstamos por máis de 11 millóns de euros ao abeiro deste programa.

O Plan re-imaXina está deseñado para facilitar a concesión polas entidades financeiras de préstamos para investimentos, eliminando dous dos atrancos que adoitan dificultar o acceso ao financiamento das empresas de menos dimensión: as garantías esixidas e os custos de xestión. Nin as entidades financeiras nin as SGR poderán requirir dos solicitantes máis garantías adicionais que as persoais dos promotores da actividade empresarial. Os beneficiarios tampouco deberán pagar á entidade financeira ou a SGR correspondente ningún outro custo derivado da operación acollida a esta liña.

Os préstamos concedidos ao abeiro destas bases e no marco do correspondente convenio que o Igape asinou coas entidades financeiras adheridas e as sociedades de garantía recíproca que operan en Galicia terán un prazo de amortización de ata 5 anos, no caso da liña para as microempresas, e de 5 a 7 anos nos concedidos nas liñas para novas pemes e pemes competitivas. O importe dos préstamos poderá chegar ata 120.000 euros nás liñas para emprendedores e mellora da competitividade, e ata 25.000 euros na liña para microempresas.

Financiamento de circulante co re-Solve

A Consellería de Economía e Industria decidiu propoñer tamén a prórroga do plan re-Solve para intensificar os apoios ao financiamento de circulante para autónomos, emprendedores, microempresas e pemes, especialmente afectados polas restricións crediticias. O Igape recibiu polo de agora case 900 solicitudes de apoio no marco do plan de garantías que inclúe os programas re-Solve e re-Brote. A través deste plan, o Instituto proponse mobilizar financiamento por importe de ata 400 millóns de euros.

Segundo ten reiterado o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, a través do programa re-Solve a Xunta de Galicia deu un ambicioso paso adiante para compartir riscos coas entidades financeiras, coas sociedades de garantía recíproca e cos empresarios para procurar, dese xeito, conseguir respostas positivas para solicitudes de financiamento que ata o momento achaban dificultades de acceso ao crédito. O programa re-Solve é un instrumento adecuado para que autónomos e microempresas obter o financiamento que precisan para poder seguir funcionando con normalidade, con pólizas de crédito novas por importes comprendidos entre 3.000 a 40.000 euros, avaladas por unha sociedade de garantía recíproca nun 90% e cun reaval do Igape polo 25%.

O programa re-Solve constitúe unha das iniciativas máis significativas incluídas dentro do Plan de Choque da Xunta contra a crise, como un elemento fundamental a prol da recuperación económica e do mantemento do emprego. Segundo destacou o conselleiro de Economía e Industria, o programa achega unha solución real aos problemas concretos de financiamento das empresas, que son especialmente importantes entre as microempresas.

Por outra banda, o titular da Consellería de Economía e Industria tamén lembrou que o Igape ten sido reforzado polo novo Goberno da Xunta para poder atender con maior eficacia ás necesidades do tecido empresarial e industrial galego. Guerra lembrou que unha das medidas incluídas no Plan re-Forza 2010, que perfila a estratexia deste Instituto a prol da reactivación da economía galega, está orientada a axilizar a xestión interna, con períodos de presentación de solicitudes de axuda non máis alá de 45 días, períodos de solicitude de liquidación non superiores a un mes e a liquidación das axudas dentro da anualidade orzamentaria e nun período non superior aos 45 días dende a solicitude de cobro.

Neste sentido, outras novidades a salientar son a implantación da factura electrónica, sistema de dixitalización e cotexo electrónico e maior integración electrónica coas entidades colaboradoras (entidades financeiras e SGR) para axilizar a xestión dos apoios. Os períodos de resolución serán máis curtos e haberá posibilidade de incluír pagos a conta ou anticipados nos supostos onde a Lei de subvencións o permita; en determinados casos, o Instituto mesmo poderá propoñer ao consello da Xunta a exención de garantías nestes pagos adiantados.

Fonte: Xunta de Galicia

Comparte esta entrada:
  • Print
  • Digg
  • del.icio.us
  • Facebook
  • Google Bookmarks
  • Bitacoras.com
  • Meneame
  • MySpace
  • Technorati
  • email
  • Twitter
  • LinkedIn

Noticias relacionadas: