A conselleira de Facenda cumpre así unha das prioridades que se marcou á súa chegada ao Goberno
O Executivo galego aprobará un decreto para garantir que a factura electrónica teña a mesma validez legal que a de papel
Este decreto habilitará tamén o Portal da Contratación Pública da Comunidade Autónoma
Con estas medidas acadarase un mellor e máis áxil servizo ao cidadán e a un menor custe
A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, asegurou que o seu departamento creará un rexistro para garantir que a partir de febreiro o pago das facturas por parte da Administración se faga nun máximo de 45 días, 15 menos que a esixencia legal.
En rolda de prensa acompañada do presidente da Asociación de Excavadores de Galicia (Aexga), Manuel Mejuto, a titular de Facenda salientou que a Xunta cumprirá o comprometido para evitar no posible problemas de liquidez ás empresas e garantir que os pagamentos da administración se realicen no menor tempo posible.
Marta Fernández Currás explicou que, tras analizar a situación na que se atopaba a tramitación de facturas cando asumiu o cargo, detectou que é practicamente imposible saber o tempo que transcorre desde que se recibe unha factura ata o momento efectivo do seu pago.
Por iso, anunciou que o o primeiro paso para reverter a situación é poder controlar o momento en que entran as facturas na Xunta, para o que se creará un rexistro que permitirá, ademais, mellorar as necesidades de tesourería e planificar os pagos da Administración autonómica.
Este rexistro facilitará centralizar de maneira uniforme todas as facturas –tanto as manuais como as de formato dixital- emitidas polos distintos proveedores co que se acadará unha xestión máis rápida e eficiente das mesmas. A este rexistro accederase a través dun novo portal electrónico no que se poderá realizar tanto a incorporación das facturas ao sistema como a consulta do seu estado de tramitación. Ademais, haberá solucións de sinatura electrónica para garantir a identidade dos usuarios e a integridade da información rexistrada.
A conselleira lembrou que o proceso de facturación na actualidade está sustentado basicamente en papel polo que subliñou que a factura electrónica permite prescindir deste soporte, favorece a incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación e conta con solucións seguras que permiten a optimización, a eficiencia e o aforro de custes.
Garantir a validez legal
Para garantir os preceptos legais que marca a lexislación vixente, que a factura electrónica teña a mesma validez que a de papel, Facenda traballa na elaboración dun decreto que regulará o uso de medios electrónicos, informáticos e telemáticos en materia de contratación pública da administración e entes do sector público dela dependentes, que se prevé que sexa aprobado a finais do mes de decembro.
A través dese decreto habilitarase tamén o Portal de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, que dará acceso á Plataforma de Contratos, ao Sistema de Licitación Electrónica, á tramitación telemática do Rexistro Xeral de Contratistas, a información sobre o sistema de presentación telemática de avais na Caixa de Depósitos da Comunidade Autónoma, aos diarios oficiais e a outras plataformas de contratación de ámbito autonómico, estatal e comunitario.
O sistema de presentación electrónica posibilitará a presentación de ofertas vía telemática nun proceso que vai desde a publicación do anuncio na Plataforma de Contratos de Galicia ata a sinatura do contrato.
Todas estas medidas permitirán non só cumprir os prazos que a normativa impón á administración, senón ir máis aló, optimizando os procedementos administrativos. Así, acadarase un mellor e máis áxil servizo ao cidadán e a un menor custe, obtendo un aforro económico importante.
Fonte: Xunta de Galicia












