O mandatario galego asegura que con este anteproxecto, o Goberno galego busca tres salvagardas: “a salvagarda da legalidade, a dos intereses dos galegos e a salvagarda da palabra dada”
Destaca que o texto foi consultado ata con seis expertos en Dereito Administrativo, Económico, Fiscal, Tributario e Financeiro
Di que os primeiros que teñen que beneficiarse da enerxía eólica instalada en Galicia son os galegos, “e por iso os cidadáns que viven nos concellos onde teñen parque eólico terán preferencia para os investimentos que traerá o canon eólico e a creación dun fondo de compensación ambiental”
Para evitar que non haxa nin adxudicacións irreais nin proxectos irreais, as empresas non poderán recuperar o aval do 2% do proxecto empresarial ata que ese proxecto estea en marcha
Asegura que coa aprobación deste anteproxecto “se cumpre a palabra dada”. “Tiñamos un compromiso e, hoxe, o cumprimos”
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, afirmou onte, trala celebración do Consello, que o Executivo galego presenta o anteproxecto de lei que regulará o aproveitamento eólico “desde o máximo rigor legal, a máxima transparencia e defendendo os intereses dos galegos”. “Transparencia, profesionalidade e rigor, isto é –aseverou- o que nos anima a traer este proxecto ao Consello da Xunta”.
Neste senso, o mandatario galego asegurou que, con este anteproxecto o Goberno galego busca tres salvagardas: “a salvagarda da legalidade, a dos intereses dos galegos e a salvagarda da palabra dada”.
Un texto avalado por seis expertos
No tocante á legalidade, Feijóo explicou que o novo Executivo galego paralizou un concurso que ten “tachas de ilegalidade, advertidas –lembrou- polo Consello Consultivo, pola Asesoría Xurídica da Xunta e polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.
Pola contra, o presidente da Xunta subliñou que o texto aprobado foi consultado ata con seis expertos en Dereito Administrativo, Económico, Fiscal, Tributario e Financeiro. “Seis expertos de tres universidades: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade Carlos III e Universidade Complutense e que avalan o rigor técnico deste proxecto”, matizou.
Salvagardar os intereses dos galegos
Para o mandatario galego, os primeiros que teñen que beneficiarse da enerxía eólica instalada en Galicia son os galegos, “e por iso –explicou- os cidadáns que viven nos concellos onde teñen parque eólico terán preferencia para os investimentos que traerá o canon eólico e a creación dun fondo de compensación ambiental. As empresas que teñen parques instalados xa, ou que poden telos no futuro, teñen que contribuír a través dun canon a xerar investimentos nos concellos de Galicia”.
Feijóo afirmou que a Xunta intentará simplificar as adxudicacións para que non quede bloqueado todo o sector, no suposto de que haxa algún recurso, e que se garantirá, amais, a máxima planificación para que os parques estean dentro do plan sectorial eólico aprobado por anteriores gobernos.
Así mesmo, e co fin de que non haxa nin adxudicacións irreais nin proxectos irreais, o presidente autonómico adiantou que as empresas que presenten un proxecto empresarial terán que avalalo e non poderán recuperar o aval namentres o proxecto empresarial estea en marcha. ‘Vamos sobre todo –explicou- a comprometer que as adxudicacións sexan reais e non virtuais, que os proxectos que acaden a adxudicación sexan proxectos reais e non virtuais e a tal efecto solicitamos ás empresas que non poderán recuperar o aval do 2% do proxecto empresarial ata que ese proxecto estea en marcha”.
O compromiso da palabra dada
Desde o punto de vista do programa de Goberno, asegurou que coa aprobación deste anteproxecto “se cumpre a palabra dada”. “Tiñamos –lembrou- un compromiso que era estudar legalmente o concurso eólico do que tiñamos todas as sospeitas e, hoxe, o cumprimos”.
Dado o impacto que supón na economía de Galicia e a situación creada en anos anteriores con este sector, o presidente da Xunta asegurou que “se trata dun proxecto de lei que vai buscar ao Parlamento como protagonista”. “O Goberno asume a súa función e queremos tamén que o Parlamento se pronuncie e por iso este proxecto de lei, para buscar todas as garantías xurídica e legais na adxudicación do concurso eólico anulado en Galicia como consecuencia de vicios de legalidade. Espero e desexo –aseverou- que este proxecto sexa un proxecto de lei polo menos avaliado por parte dos grupos parlamentarios e espero que se en algo se pode mellorar estamos abertos a súa mellora”.
Fonte: Xunta de Galicia
Comentarios: 0 Comentarios