O departamento que dirixe Javier Guerra Fernández quere facilitar o acceso ao crédito aos emprendedores, evitar os atrancos que atopan para dispoñer de garantías e despexar o camiño para que fagan novos investimentos

Habilitar préstamos subsidiados e avalados por un importe de ata 15 millóns de euros para apoiar o financiamento dos investimentos impulsados por novas pemes, para pemes que queren medrar ou renovarse para mellorar en competitividade ou para microempresas galegas, é o obxectivo do Plan re-imaXina que vai poñer en marcha a Consellería de Economía e Industria que dirixe Javier Guerra Fernández a través do Instituto Galego de Promoción Económica.

Este instrumento financeiro facilitará a concesión polas entidades financeiras de préstamos, eliminando dous dos atrancos que adoitan dificultar o acceso das empresas de menos dimensión ao financiamento, as garantías e os custos de xestión. O xuro efectivo para os beneficiarios destes préstamos avalados roldará o 3%.

As microempresas e pemes beneficiarias deste programa de apoio impulsado polo Instituto que preside o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, poderán dispoñer de préstamos que contarán co aval dunha SGR polo 80% do importe do financiamento. Nin as entidades financeiras nin as SGR poderán requirir dos solicitantes máis garantías adicionais que as persoais dos promotores da actividade empresarial. Os beneficiarios tampouco deberán pagar á entidade financeira ou SGR correspondente ningún outro custo derivado da operación acollida a esta liña.

As achegas do Igape fan posible que os xuros dos préstamos concedidos polas entidades financeiras ao amparo deste programa sexan fixos, do 3,14%, no caso dos destinados a microempresas. Os préstamos para novas pemes e pemes competitivas serán variables e estarán referenciados ao euríbor a seis meses máis; en 2009, o xuro efectivo dos préstamos concedidos nestas dúas liñas será do 2,98%.

Os préstamos concedidos ao abeiro destas bases e no marco do correspondente convenio que o Igape asinará coas entidades financeiras adheridas e as sociedades de garantía recíproca que operan en Galicia terán un prazo de amortización de ata 5 anos, no caso da liña para as microempresas, e de 5 a 7 anos nos concedidos nas liñas para novas pemes e pemes competitivas. En todos os casos, os prazos poderán incluír ata 1 ano de carencia na amortización do capital.

Distribución das axudas

O importe convenido polas partes que firmarán este convenio de axudas establece 8 millóns de euros para a creación dunha liña de créditos a microempresas, 5 millóns de euros para financiar proxectos de novos emprendedores galegos e 2 millóns de euros para o financiamento de investimentos que permitan ás pemes consolidadas mellorar a súa competitividade a través da innovación.

Na categoría de pequenas e medianas empresas englóbanse aquelas que ocupan a menos de 250 persoas e teñen un volume de negocios anual que non excede dos 50 millóns de euros, e aquelas que ocupan a menos de 50 persoas e o seu volume de negocios anual ou balance xeral non supera os 10 millóns de euros. A microemprensa ocupa a menos de 10 persoas e o volume de negocios ou balance xeral anual non excede dos 2 millóns de euros.

As dificultades de acceso ao crédito son especialmente importantes nos casos destas tres modalidades empresariais debido aos atrancos que atopan para dispoñer das garantías que reclaman as entidades financieiras. Con esta liña de axudas que se pon en marcha, a Consellería de Economía e Industria, da man dun reforzado Igape, aposta por un programa de préstamos con aval dunha SGR que cubra ata o 80% e sen que as entidades poidan requirir garantías adicionais aos emprendedores solicitantes como fórmula para inxectar cartos destinados ao investimento e ao mantemento da actividade empresarial.

Fonte: Consellería de Economía e Industria

VN:F [1.9.3_1094]
Rating: 0.0/10 (0 votes cast)
VN:F [1.9.3_1094]
Rating: 0 (from 0 votes)
Comparte esta entrada:
  • Print
  • Digg
  • del.icio.us
  • Facebook
  • Google Bookmarks
  • Bitacoras.com
  • Meneame
  • MySpace
  • Technorati
  • email
  • Twitter
  • LinkedIn

Quizás también te interese: