O obxectivo deste decreto é mellorar a eficiencia enerxética das vivendas ao tempo que se mellora a súa calidade construtiva e se promove o aforro doméstico

O Consello da Xunta, a proposta da Consellería de Vivenda e Solo, aprobou na súa xuntanza de onte o Decreto polo que se regula a certificación enerxética de edificios de nova construción. O obxectivo desta nova normativa é conter o consumo e promover o aforro enerxético doméstico, fomentar o investimento en medidas de eficiencia enerxética nas vivendas ao tempo que se introducen melloras substantivas na súa calidade construtiva, así como sensibilizar sobre o uso racional dos recursos enerxéticos nos fogares.

O decreto vai permitir a todos os usuarios e compradores dunha vivenda de nova construción coñecer con exactitude o grado de eficiencia enerxética do edificio ou vivenda no que quere residir. A partir da entrada en vigor deste decreto todos os edificios de uso residencial serán avaliados desde o punto de vista de eficiencia enerxética e esta avaliación plasmarase nun certificado de calidade enerxética que emitirá a administración pública. Esta certificación será o selo de garantía de que o edificio cumpre a normativa en vigor en materia de eficiencia enerxética e informará ao usuario da vivenda da calidade enerxética da mesma.

Fonte: Consellería de Vivenda e Solo

Print Friendly