As parcelas dispoñen dunha superficie edificable de entre 1.440 ata 10.176 m2, e o ámbito acollerá arredor de 1.300 vivendas protexidas, entre as que desenvolverá a iniciativa pública e a iniciativa privada. En concreto, a Consellería se reserva dúas parcelas para a construción de 82 VPP. As empresas dispoñen ata o 30 de decembro para presentar as súas propostas e a calidade do proxecto arquitectónico será o aspecto máis puntuado.
A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, abre o prazo de compravenda de 14 parcelas de uso residencial -23.267 m2 – no Parque Ofimático, no Concello da Coruña, con destino á construción de vivenda protexida que ofertar aos veciños e veciñas deste municipio, o segundo de maior demanda deste tipo de vivenda en toda Galiza.
As empresas promotoras e construtoras poden presentar as súas propostas ata o 30 de decembro, tal e como publicou onte o DOG, e recoller toda a documentación e recibir toda a información nas oficinas de Xestur A Coruña, empresa pública adscrita á Consellería de Vivenda e Solo
En total, o ámbito acollerá arredor de 1.300 vivendas protexidas, entre as que desenvolverá a iniciativa pública e a iniciativa privada. No caso concreto das 14 parcelas que agora se sacan a venda, dispoñen dunha superficie edificable de entre 1.440 ata 10.176 metros cadrados. Ademais destas parcelas para o sector privado, a Consellería se reserva dúas parcelas para a construción de 82 vivendas protexidas públicas.
Neste mesmo concurso, o Departamento autonómico saca a venda 3 parcelas de uso terciario, cunha superficie de entre 4.080 e 14.520 metros cadrados.
Proposta arquitectónica
As parcelas son de prezo fixo, en concreto, 324,7 € metro cadrado de superficie edificable, con IVE incluído. Na puntuación das propostas presentadas puntuarase sobre todo o proxecto arquitectónico presentado, ademais da redución no prazo de execución da obra. Ante igual puntuación terán preferencia na adxudicación de parcelas as propostas de promotores sociais sen ánimo de lucro (cooperativas, empresas con mulleres, sindicatos ou outras formas asociativas).
En canto aos prazos de edificación, unha vez rematada as obras de urbanización os promotores privados deberán obter a licenza de edificación no prazo máximo de tres meses e disporán dun máximo de catro anos para concluír a construción dos edificios previstos, tras a concesión da licenza de edificación.
Prezos das vivendas
As vivendas protexidas que se van edificar no Parque Ofimático están dirixidas a un amplo abano de niveis de renda de ata 3.300 euros de ingresos ponderados mensuais por familia ou unidade convivencial, o que garante a mestura por niveis de renda e, por tanto, a integración social.
Por unha banda, a Consellería promoverá directamente a construción de 82 vivendas (VPP), en dúas parcelas reservadas para este fin -2.560 m2- destinadas a rendas de ata 2,5 veces o Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples (IPREM), é dicir 17.500 € anuais, vivendas que se adxudicarán en réxime de compravenda ou aluguer en función dos ingresos dos beneficiarios.
Por outra banda, os promotores privados que obteñan parcelas no concurso de compravenda edificarán vivendas de protección autonómica de prezo xeral e de prezo concertado. O custe destas vivendas é moi inferior ao do mercado libre. Por exemplo, un piso de 70 metros cadrados útiles con garaxe e rocho terá un prezo medio de 122.000 euros.
Adxudicación das vivendas
Para acceder a estas vivenda protexidas, tanto ás públicas como as privadas, é necesario estar inscrito no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida, en funcionamento desde febreiro de 2007 e que xa conta con 23.130 solicitantes inscritos en toda Galiza.
O Goberno local da Coruña informou á Consellería de Vivenda e Solo que en decembro de 2008 quedaría aprobado definitivamente, tras unha ardua tramitación, o proxecto de reparcelación do Parque Ofimático, que dará luz verde á contratación e execución das obras de urbanización de todo o ámbito, que contará con amplas zonas verdes, equipamentos e dotacións escolares, deportivas e sociais, entre outras, así como preto de 9.000 prazas de aparcamento.
O investimento estimado para levar a cabo a urbanización está cifrado en 51,6 millóns de euros, dos que a metade corresponden a Consellería.
Fonte: Consellería de Vivenda e Solo
VN:F [1.9.3_1094]
Rating: 0.0/10 (0 votes cast)
VN:F [1.9.3_1094]
Comentarios: 0 Comentarios
Quizás también te interese: