A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, respondeu sobre os erros contidos no PXOM de Vigo que afectan ás vivendas das Roteas que impulsa a Consellería de Vivenda e Solo. Segundo indicou Caride, non existe ningún desencontro entre ambas consellerías, xa que é o Concello de Vigo o responsable de clasificar correctamente no seu PXOM o solo no que logo a Consellería de Vivenda desenvolverá o seu proxecto. A conselleira sinalou que estas vivendas se executarán “mediante un estudo de detalle e en proceso de urbanización”, indicando que debe ser o Concello o que debe “incorporar os documentos xustificativos cos que acreditar a concorrencia dos requisitos establecidos na lei”. “A actuación que desenvolve a Consellería de Vivenda non ten pois ningunha traba”, concluíu Caride.

A conselleira manifestou que os erros do PXOM de Vigo sobre as vivendas das Roteas son un bo exemplo das deficiencias de documentación que contén o plan. Deficiencias que xa foran sinaladas no 2004 pola Consellería de Política Territorial dirixida polo PP pero na que xa estaban os mesmos técnicos que agora avalían o PXOM vigués. Por iso, María José Caride espera “que o Concello se poña a facer o seu traballo para que poidamos aprobar o plan que Vigo necesita”. A titular de Política Territorial tamén se preguntou “qué fixeron dende 2004 ata agora para que persistan os problemas” e pediu ao PP que deixe de facer cábalas sobre a resolución final da CPTOPT sobre o PXOM. Neste sentido, apuntou que o que ten que facer o Concello é solventar os erros sinalados na Orde 19/01/07, aprobar novamente o PXOM en pleno e remitir toda a documentación e informes sectoriais necesarios para que a Consellería poida resolver sobre a súa aprobación definitiva garantindo a necesaria seguridade xurídica. Así, indicou que anulación do PXOM de Carballo, onte mesmo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, “pon de manifesto que a Consellería ten que facer o seu traballo co fin de garantir o cumprimento da legalidade vixente e a necesaria seguridade xurídica”.

María José Caride, por último, sinalou que a Consellería de Política Territorial e os seus técnicos traballan con criterios de “transparencia e obxectividade con todos os concellos, independentemente da súa cor política”.

Fonte: Xunta de Galicia

VN:F [1.9.3_1094]
Rating: 0.0/10 (0 votes cast)
VN:F [1.9.3_1094]
Rating: 0 (from 0 votes)
Comparte esta entrada:
  • Print
  • Digg
  • del.icio.us
  • Facebook
  • Google Bookmarks
  • Bitacoras.com
  • Meneame
  • MySpace
  • Technorati
  • email
  • Twitter
  • LinkedIn

Quizás también te interese: